Sobre este curso
Este curso ten como obxectivo principal capacitar ao persoal investigador e técnico en estratexias e ferramentas
para a transferencia do coñecemento no ámbito mariño, contribuíndo a reforzar o seu papel activo na aplicación
do coñecemento científico na sociedade. A través de tres módulos independentes e complementarios, abordaranse
aspectos fundamentais como a colaboración co sector socioeconómico, a protección legal dos resultados de investigación,
a valorización do coñecemento, as oportunidades de financiamento orientadas á I+D+i ou unha abordaxe práctica da
transferencia cara un impacto transformador.
Obxectivos de aprendizaxe:
- Coñecer o marco actual da transferencia de coñecemento das ciencias mariñas.
- Identificar vías de colaboración entre centros, universidades e a sociedade.
- Explorar convocatorias e oportunidades de financiación no I+D mariño.
- Comprender a importancia da protección legal de resultados de investigación.
- Aprender a deseñar estratexias de valorización e explotación de resultados científicos.
Formadores do curso
Rosa Mª Fernández Otero
Coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR.
Experta xestora de investigación e innovación cunha traxectoria de 30 anos en transferencia de coñecemento e xestión
de apoio á investigación científica e á innovación tecnolóxica. Está especializada no estudo e o desenvolvemento
deste tipo de actividades no contexto e os sectores mariño e marítimo.
Ángeles López
Directora técnica da Oficina de Transferencia de Coñecemento da Universidade de Vigo. Está acreditada como profesional
de transferencia (RTTP) a través da Alianza internacional ATTP. Conta cunha ampla formación e experiencia en promoción
e xestión da I+D+i e a transferencia. Participa como relatora habitual en xornadas, eventos e cursos, así como membro
do xurado en premios de emprendemento e innovación. Coordina e avalía proxectos de transferencia de coñecemento e de
fomento da I+D a nivel nacional e europeo. Formou parte de varias delegacións en países representando a misión transferencia.
Obtivo o premio a nivel nacional pola súa carreira profesional na segunda edición de IPFest en 2023.
Cristina Quelle
Coordinadora de innovación e transferencia do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Licenciada en Ciencias
do Mar. Conta cunha ampla experiencia na coordinación e xestión técnica de proxectos internacionais e nacionais de transferencia,
innovación e divulgación. Acreditada como Registered Technology Transfer Professional (RTTP) pola alianza internacional ATTP.
Jose Jato
Técnico superior de I+D na Oficina de Transferencia de Coñecemento da Universidade de Vigo. Conta cunha ampla experiencia na
protección e valorización dos resultados de investigación e na promoción de empresas universitarias baseadas no coñecemento
(SpinOff). Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas e en Comunicación Audiovisual. Máster en Dirección de Comunicación
Empresarial e Institucional. Acreditado como Registered Technology Transfer Professional (RTTP) pola alianza internacional ATTP.
Este curso está organizado polo Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, que ten como finalidade mellorar a resiliencia
e a xestión sostible dos ecosistemas e recursos mariños galegos, impulsar a sustentabilidade e a innovación no sector
pesqueiro e acuícola e potenciar a transferencia de coñecemento ao tecido socioeconómico vinculado ao mar.
Conta cun orzamento total de dez millóns de euros, dos que seis proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia,
a través dos fondos Next Generation do Estado, e os outros catro millóns son achegados pola Xunta de Galicia, mediante o Fondo
Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e o novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). A súa rede científica está
formada por preto de catrocentos investigadores que integran as tres universidades galegas - A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo -,
catro centros dependentes do CSIC e seis centros da comunidade, entre os que se atopan o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA),
o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa),
o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e Meteogalicia.